venres, 17 de maio de 2024

Festival das Letras 2024

Presentamos un resumo audiovisual do noso Festival das Letras 2024, que celebramos no día de onte como peche final do Mes das Letras.

Un festival que acolleu xéneros diversos, mais todos eles dinamizando a lingua, homenaxeando a Luísa Villalta, dando tratamento ao noso Proxecto Documental Integrado e, sempre, valorando o noso: música, poesía, banda deseñada, teatro... 

O broche final foi a canción de produción propia, "Galicia Elemental" do grupo "Musicadoiro" coordinado polo mestre de Música e Danza, Keko, e que se pode escoitar ao longo do presente vídeo.

Parabéns a tod@s polas fantásticas producións e só nos queda dicir...

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS

HOXE E TODOS OS DÍAS DO ANO!

xoves, 2 de maio de 2024

DichoLeo 2024

Damos continuidade ao noso Mes das Letras, presentando as pezas audiovisuais de cada grupo-aula para a nosa produción propia: DichoLeo 2024 en relación co PDI que nos ocupa.

Dinamizando a nosa lingua e desenvolvendo a alfabetización audiovisual damos tratamento as interferencias lingüísticas, ampliando vocabulario na lingua nai.

Parabéns a tod@s, o vindeiro curso... máis!




domingo, 28 de abril de 2024

Mes das Letras: Galicómic 2

Leer más publicaciones en Calaméo

Presentamos, en formato dixital, a segunda edición do noso Galicómic, 2023-24, producións propias en formato banda deseñada e facendo uso da fotografía ou a técnica chroma key.

Temáticas diversas que gardan relación co PDI que nos ocupa: natureza, saúde e benestar persoal e social, protagonizadas pol@s nen@s.

Unha produción propia que xa está na imprenta para a súa encadernación, valorando o traballo desenvolto ao longo do curso escolar.

Un ano máis, parabéns a tod@s!

Continuará...

venres, 26 de abril de 2024

Lectura... na rúa! e pícnic saudable

Lectura.. na rúa!
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Un curso máis, celebramos o Día do Libro saíndo á rúa e este curso, en relación co PDI que nos ocupa, o alumnado elaborou diversas receitas para as merendas saudables: espetos e batidos de froita, tostas de tomate con xamón, galletas de avea ou vasiños de froita e noces.

A lectura na rúa e o pícnic saudable foron protagonistas da conmemoración neste noso Mes das Letras 2024. Tod@s exerceron o seu dereito a ler en calquera sitio e a gozar de merendas saudables.

Achegamos un vídeo-resumo das diversas xornadas de lectura e merenda saudable:

Feliz Día do Libro, todos os días do ano e.. que aproveite!

martes, 23 de abril de 2024

Encontro con Eva Mejuto: "O día que choveron gatos"

Damos continuidade ao noso Mes das Letras 2024 co encontro entre o alumnado de 6º de primaria e a autora Eva Mejuto, facilitado pola editorial Xerais.

O título do Plan Lector Anual da aula de 6º de primaria, "O día que choveron gatos", motivou o encontro para coñecer, en persoa, a escritora do libro. Ao tempo, Eva respondeu a todas as preguntas en relación co libro e con moitos outros títulos escritos pola autora, así como a súa traxectoria vital e literaria.

Encontro con Eva Mejuto

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecemos a Eva a súa dispoñibilidade e amabilidade, o alumnado quedou encantado de coñecela e presentarlle as súas creacións artísticas ao redor do libro.

Encontro con Eva Mejuto

O alumnado de 6º espera unha segunda parte do libro, mais Eva puido levar un borrador da mesma escrito por Alejandro García para a exposición de aula.

Estaremos atent@s a próximas publicacións da autora.

xoves, 18 de abril de 2024

Punto Laranxa e "Pasando a Bóla"

Punto Laranxa: acoso e ciberacoso escolar

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Chegou a todos os colexios públicos de Galicia o Punto Laranxa contro o acoso e o ciberacoso escolar. Un punto físico para deixar no seu buzón mensaxes escritas ao redor de situacións de acoso propias ou que se perciban en terceiros. Un punto tamén virtual, a disposición na web do noso colexio.

O alumnado de 6º de primaria foi o encargado de inFORMAR ao resto de alumnado, mesmo creando un cartel moi ilustrativo para o Punto Laranxa do noso cole.

Ao tempo, grazas ao Consorcio Editorial, iniciamos o noso Mes das Letras 2024 coa actividade cultural de A Xanela do Maxín: Pasando a Bóla para o alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria e inspirada no título de Celtia Figueiras "A Banda dos Insectos. Pasando a Bóla" que David nos entregou en doazón.

A Xanela do Maxín: Pasando a Bóla

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Unha representación teatral, dirixida por David, na que o alumnado desenvolveu un papel activo, protagonizando diversas escenas de acoso nas que o público participa aportando posibles solucións ás situacións representadas.

No seguinte vídeo podedes visualizar como a Roncolla realiza unha das súas reflexións finais de cada escena ao redor do termo "chivato" e como @s nen@s voluntari@s len, a modo de peche da actuación, os diversos dereitos aportados por David, que tamén alude aos deberes de tod@s.

Dereitos e deberes para desenvolver unha convivencia respectuosa e pacífica na que TOD@S contamos moito e temos moito que contar, pola nosa saúde e benestar persoal e social.

venres, 12 de abril de 2024

Exposición PDI_3º trimestre

Exposición 3º trimestre_2023-24
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Presentamos a última exposición do curso escolar ao redor do PDI que nos ocupa, como recursos bibliográficos para as actividades a desenvolver da proposta trimestral.

 Unha exposición para seguir dinamizando lecturas diversas, para tod@s: mes das letras, medio ambiente, natureza, habilidades olvidadas...

O vindeiro curso... máis lecturas!